martes, 31 de octubre de 2017

Drácula






A publicación desta novela de Bran Stoker no ano 1897 marca o auxe na historia do vampirismo na literatura, pois constitúe a renovación das novelas góticas inglesas do século XVIII, o retorno ao substrato lexendario do vampirismo e o fundamento do auténtico mito dos tempos modernos, que se perpetuou ata os nosos días.

Co triunfo do pensamento racional no Século das Luces, os magos e aparecidos do pasado non teñen cabida. A revolución industrial transforma rapidamente a paisaxe europea e xa non hai lugar para as crenzas do pasado e as supersticións. A Inglaterra victoriana da segunda metade do XIX é un claro exemplo desta picota sociocultural, onde se oculta todo o que se aparta do decoro e dos valores establecidos, chegando incluso á represión. Porén, no seo desta Inglaterra aparecerá a novela de Bran Stoker.
O rexeitamento ao positivismo do Século das Luces e da revolución industrial xa se manifesta no Romanticismo de finais do XVIII e a segunda xeración de románticos ingleses revela desde principios de século XIX un vivo interese polo sobrenatural. Eles son os responsables, cos seus poemas, do retorno da lenda do vampiro, que máis tarde penetra na literatura en prosa.


O encontro en Londres de Stoker con Arminius Vambery, profesor de linguas orientais na Universidade de Budapest e que coñece a perfección a historia e o folclore de Europa central, será determinante para a xénese da novela. Vambery explícalle a Stoker a historia do auténtico Drácula, o terrible Vlad Tepes,  e o escritor, seducido pola sonoridade do nome, decide adoptalo para o heroe da súa novela.
Stoker pasou días enteiros na Biblioteca do British Museum documentándose sobre o vampirismo, a historia, a xeografía, os costumes e o folclore de Transilvania. Todas as referencias históricas, artísticas, etnográficas e científicas que aparecen na novela están debidamente ducumentadas e contrastadas polo escritor.

 
Percorrido de Jonathan Harker en tren a Transilvania



domingo, 18 de junio de 2017

Representación teatral do Club de lectura de 3º de ESO na Biblioteca do Castrillón

O día 8 de xuño os nosos alumnos do Club de lectura de 3º de ESO volveron a representar a obra de Fernando Lalana "Se suspende la función" que previamente ofreceran no noso centro. Nesta ocasión tivo lugar na biblioteca do noso barrio de Monelos, a Biblioteca do Castrillón, coa que colaboramos habitualmente. Asistiron as familias, compañeiros dos alumnos e profesores. A todos lles divertiu esta comedia da que mostramos algunhas imaxes.





Temos a intención de representala outra vez no colexio Fernández Latorre no vindeiro curso e esperamos que isto axude a vincular aos dous centros de ensino para colaborar en novos proxectos.

lunes, 3 de abril de 2017

Un monstro vén a verme






Patrick  Nesss escribiu este libro a partir da idea orixinal da escritora Siobhán Dowd, quen non puido rematalo debido a súa morte prematura no ano 2007.

Deixamos este enlace no que podedes atopar curiosidades sobre o teixo, a árbore máis lonxeva da natureza, o trailer da pelicula e diversas fotos:

http://www.huffingtonpost.es/2016/10/03/monstruo-viene-a-verme-tejo_n_12308564.html

En Galicia temos o Teixedal de Casaio, o bosque de teixos mellor conservado de Europa. Alí hai arredor de 400 teixos, a maioría deles centenarios, que conviven con outras especies.

domingo, 29 de enero de 2017

Charla da escritora Ana Alcolea cos alumnos de 4º de ESO e de 2º de ESO do Club de lectura.


O luns 23 de xaneiro, os alumnos de 4º de ESO e do Club de lectura de 2º de ESO disfrutaron coa charla da escritora Ana Alcolea, autora da obra "El secreto del espejo" que leron os alumnos de 4º e "La noche más oscura" lida no Club de lectura de 2º de ESO.
Ana Alcolea recibiu o premio Cervantes Chico 2016 e o premio Anaya de Literatura infantil e xuvenil pola obra "La noche más oscura". Durante a intervención explicou ós alumnos como xestou as súas historias, documentándose e acudindo ós lugares que conforman os espacios de ficción. Así, lembrou a súa estancia en Noruega onde coñeceu a listaxe de soldados que sufriron a represión nazi e morreron de frío ou infirmidade. Desa lista tomou dous dos personaxes de "La noche más oscura".

Admitiu que lle atrae unir espazos e tempos distantes entre si e que , ás veces,  séntese identificada ou
atraída por algún personaxe, como Yilda de "El secreto del espejo".
Os alumnos fixéronlle preguntas sobre os libros lidos: con que personaxe se identificou máis?; por qué combina o pasado e o presente na mesma novela?; por qué elexiu a unha protagonista china para "La noche más oscura"?.
Antes de despedirse ofreceu ós alumnos uns consellos para ser escritor:

-Sentir as emocións sobre as que se escribe e vivilas como algo verdadeiro.
-Considerar que todo, ata o obxecto máis trivial, pode ser un elemento para crear literatura.
-Escribir moito para mellorar e adquirir técnica.

Finalmente adicou uns minutos a firmar os libros que traían os alumnos.

Todos sentimos a Ana Alcolea como unha autora que nos chegaba moi preto e que realmente disfrutaba do seu traballo.





viernes, 2 de diciembre de 2016



CHARLA CON EMILIO PASCUAL:

                                           PERSONAXE, PAISAXE E PAIXÓN


O día 23 de novembro tivemos a sorte de asistir cos alumnos do Club de lectura de 3º de ESO á charla co escritor Emilio Pascual, do que previamente lemos a obra Días de Reyes Magos.
O encontro tivo lugar no centro de ensino IES Otero Pedrayo e compartimos tan animada e interesante xornada cos alumnos deste centro que tamén leron a obra.

Emilio Pascual chamounos a atención pola paixón que imprimiu ás súas palabras. Nada soaba igual se el as pronunciaba.

De seguida soubo atraparnos coa emoción dos seus coñecementos de mitoloxía e literatura.  Esa erudición vese reflectida na novela que lemos, xa que nela abundan as referencias e choscadelas ó lector sobre outras obras: clásicas, grecolatinas, renacentistas como El Lazarillo, El Quijote...

As citas literarias parecen filtrarse entre liñas, o que fai que a obra adquira unha dimensión que vai máis alá da anécdota narrada.
As preguntas dos alumnos foron moitas e interesantes: " En que te inspiraches?, cal é o teu libro favorito dos que se citan na novela? por qué elexiches este tema?, sénteste identificado con algún personaxe, por qué ese final?"

A medida que nos respondía, iamos descubrindo o profundo significado da obra, que se podería resumir no amor infinito dun pai por un fillo, e como aquel adopta a personalidade dun cego para salvar a Uli da súa complicada adolescencia.

A vida como escenario ou teatro é a paisaxe desta historia, pero sen deixar de lado a paixón e os personaxes. Así definiu Emilio Pascual o que é unha narración: paixón, paisaxe e personaxe.
Toda unha lección sobre a literatura e a emoción de crear para compartilo cos lectores, porque "un libro só é unha cousa entre cousas mentres non é lido".





domingo, 6 de noviembre de 2016

Un puente hacia Terabithia






Esta novela está inspirada nun feito real que ocorreu en agosto de 1974, cando Lisa Hill, a mellor amiga de David, o fillo de Katherine Paterson, morreu ao ser alcanzada por un raio nunha praia.


O nome Terabithia recorda a Terenbithia, unha illa de Narnia, creada por C. S. Lewis para as novelas El príncipe Caspian y La travesía del Viajero del Alba da serie Las crónicas de Narnia.

Na novela faise unha referencia directa ás Crónicas de Narnia, cando Leslie lle empresta eses libros a Jess para que aprenda a comportarse como un rei.

Outro libro ao que se alude na novela é Moby Dick, escrito por Herman Melville e publicado en 1851.  Narra a travesía do barco baleeiro Pequod, comandado polo capitán Ahab, obsesionado pola persecución dun gran cachalote branco. Cando Leslie lle conta a Jess a incrible aventura dunha balea e dun tolo capitán de barco que se desvivía por matala, o neno xa estaba pensando como debuxar unha "balea resplandecente de brancura contra as augas escuras".


Achegamos un mapa de Virginia para que localicedes algúns dos lugares nos que transcorre a acción da novela.


jueves, 26 de mayo de 2016

Obradoiro para os alumnos do Club de Lectura.


O mércores, día 4 de maio, os alumnos dos Clubes de Lectura de 3º e 4º de ESO asistiron a unha charla impartida na Biblioteca polo profesor e poeta Xavier Seoane sobre Música e Poesía. Neste obradoiro os alumnos escoitaron cancións famosas de diferentes estilos musicais e puideron disfrutar dunha entretida e proveitosa análise das súas letras.
Un ano máis , agradecemos a Xavier Seoane a súa xenerosa colaboración, que contribúe a enriquecer e fomentar a creatividade do alumnado en diferentes eidos da arte.

O profesor e poeta Xavier Seoane no Obradoiro de Música e poesia.